CENTRO CULTURAL E TURÍSTICO ANTONIO FRAGUAS

Rehabilitación do antigo cinema – baile de Carballedo para Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas
2020–2021
A Chan, Carballedo, Cerdedo – Cotobade
Promotor: Concello de Cerdedo Cotobade
Arquitectos: María García Couto, Víctor Basoa Maneiro, Adolfo Agra Gutiérrez
Aparelladora: Mónica Balado Santiago
Estruturas: Xosé García Vázquez
Instalacións: Calcugal
Empresa construtora: Coviastec S.L.
Fotografías: Roi Alonso
Estado: construído

O proxecto transforma un antigo cinema-baile en desuso nun centro cultural capaz de acoller actividades moi diversas, desde cursos e reunións ata concertos, presentacións ou exposicións.

A edificación conservaba a súa configuración orixinal e o seu valor como referente colectivo para a parroquia, pero o seu estado de conservación e as condicións do espazo facían imposible o seu uso.

O proxecto parte da vontade de adaptar o edificio a novos usos públicos sen alterar a tipoloxía nin a presenza da construción no lugar. A ampliación concibiuse como unha intervención claramente diferenciada da edificación existente, aproveitando a altura dispoñible para inserir unha nova planta e introducindo unha estrutura independente no interior da envolvente de granito. Esta decisión permitiu adaptar o edificio a novos usos sen modificar a súa lóxica construtiva nin obrigar os muros existentes a asumir novas funcións estruturais.

O desnivel da parcela converteuse nunha oportunidade para dotar dun acceso independente a cada planta e incorporar un patio que achega luz e ventilación á planta inferior. Ao mesmo tempo, a apertura e disposición de novos ocos transforma a relación do edificio coa luz natural, mellorando a calidade dos espazos interiores e adaptándoos ás necesidades do novo uso.

A intervención combina materiais tradicionais, como a pedra e a madeira, con outros contemporáneos, como o zinc, o aceiro ou o formigón, procurando que cada un deles responda ás necesidades específicas do proxecto. O resultado é un edificio capaz de acoller novos usos públicos mantendo a escala, a identidade e a presenza que o antigo cinema-baile tivo durante décadas na vida da parroquia e do concello.

Scroll al inicio